Historia do Centro

 

O Colexio Santa Juana de Lestonnac, da Institución relixiosa Compañía de María, atópase no barrio de Caranza da cidade de Ferrol.

Comeza a funcionar no curso 1961-62 nos baixos das vivendas da Empresa BAZAN, para dar resposta educativa ás fillas dos traballadores da devandita empresa. A principios dos anvos 70 comézase a construír o polígono de Caranza, e constrúese tamén o edificio actual do colexio, que funciona desde o curso 1973-74. Nos seus inicios os pais tiveron moita implicación e participación na Vida do colexio.

No curso 83/84 empézase a traballar con alumnado de Educación especial, e no curso 85/86 coas aulas de integración, sendo pioneiros na comarca. Debido ao interese de todo o persoal do Colexio en acoller, atender e dar resposta a este alumnado realizouse un gran esforzo en formación, busca  de criterios para atendelos, elaboración de materiais de traballo, preparación ás familias (deles/as e dos outros/as). Esta experiencia foinos levando a comprender que este tipo de alumnado, non fai máis que enriquecer as nosas vivenzas como profesores e as dos nosos alumnos.

O Centro na súa orixe tiña niveis de Prescolar, EXB e Formación profesional de 1º Grado (Rama Administrativo). No curso 86/87, iníciase o Bacharelato Experimental  e vaise deixando a FP.

No curso 90/91 é un dos poucos centros que en Galicia leva adiante de forma experimental a ESO, e no curso 92/93 concédeselle a implantación anticipada dos devanditos estudos.

Desde o curso 94/95 na ESO tentamos coidar, axudar e dar resposta educativa a aquel alumnado vai quedando atrás na súa aprendizaxe calquera que sexa a causa. Para elo organizouse un aula-taller á que asistían dúas horas diarias un grupo de 8- 10 alumnos. O que pretendiamos era que a través dun centro de interese nun taller de madeira puidesen aprender tamén os contidos básicos de lingua e matemáticas e, en grupos reducidos, que favorecese o seguimento individualizado, a relación e colaboración cos demais . Buscabamos tamén que realizasen actividades que repercutisen positivamente no colexio, tentando así que sentisen valorados e recoñecidos, e por tanto que aumentase a súa autoestima.

No curso 2000/01, aparecen os primeiros grupos de diversificación  curricular no que, en pequeno grupo, o alumnado  traballaba o ámbito científico (matemáticas e ciencias da natureza), o ámbito sociolingüístico (lingua castelá, galega e sociais) e un taller de habilidades para a Vida, mentres que o resto das areas (Educación física, Plástica, Inglés, Tecnoloxía, Música, Relixión, Titoría e Optativa a realizan co seu grupo de referencia).

Actualmente Caranza ten aproximadamente 11.000 habitantes, e a maioría do noso alumnado procede do barrio, aínda que nos últimos tempos estase a diversificar a procedencia destes.

Na actualidade temos concertados os niveis de Primaria (12 aulas), Secundaria obrigatoria (8 aulas) e Educación Especial (2 aulas); e subvencionado en Educación infantil de 4 e 5 anos. Impartimos tamén Educación Infantil de 3 anos.

Seguimos a traballar na liña da innovación educativa en todos os ámbitos, tratando de formarnos e estar ao día en todos os proxectos que nos propón a Compañía de María así coma en outros que podan resultar beneficiosos para o noso alumnado (podedes ver estes proxectos máis en detalle no apartado “Proxectos de innovación” da nosa páxina web). 

Se temos que dicir algo característico do noso Colexio podemos subliñar a primeira acollida e atención a todo o alumnado en xeral e sobre todo ao alumnado con necesidades educativas especiais. Esta realidade foinos ensinando e marcando na atención e valoración da diversidade. Co paso dos anos fomos vivindo o desexo de que sexa un COLEXIO PARA TODOS/AS, onde cada neno ou nena teña o seu espazo e poida crecer feliz adquirindo recursos para desenvolverse na vida. Por iso, tentamos que a acollida á diversidade sexa real, situación que moitas veces supoñen un reto que nos impulsa a seguir buscando novas respostas para o noso alumnado.