Saúdo da Directora
|
É grato para min, como directora do colexio, en nome da Comunidade Educativa, darvos a benvida á nosa páxina web e presentarvos o colexio Santa Juana de Lestonnac, un colexio aberto onde se potencia a educación en valores, o respecto á diversidade, a inclusión e a igualdade. Son xa máis de 40 anos os que leva o colexio en Caranza, involucrado e colaborando coas distintas institucións do barrio . Son xa moitos os milleiros de alumnas e alumnos durante estes anos os que pasaron polas nosas aulas e todos aqueles que traballaron e traballamos no colexio, puxeron e poñemos o noso empeño en ofrecer un ensino de calidade que potencia as posibilidades e cualidades de cada alumno/alumna para que adquira os coñecementos necesarios en cada etapa educativa, para que logre unha relación gratificante cos demais, para que saiba superar dificultades e para que consiga seguridade e confianza en sí mesmo, sentíndose querido e apreciado. Estamos orgullosos de levar o nome dunha muller que representa , como poucas na súa época, os valores de igualdade e xustiza. Tamén é un orgullo ser Compañía de María, a institución educativa que Juana fundou hai máis de 400 anos. Pero non debemos esquecer que detrás dos grandes nomes están persoas sinxelas pero extraordinarias, entregadas, sensibles e esixentes. O noso colexio conta cun profesorado que acompaña e axuda, un alumnado diverso, acolledor e respetuoso e unhas familias solidarias e participativas. Trátase dun centro dinámico e innovador, con actitude positiva que busca a colaboración das familias, coas que se establece unha relación de confianza, compromiso e respecto. Quixera recoñecer o traballo de todos e todas as que pasaron polo noso colexio: alumnado, familias, monxas, mestres e mestras, PAS e ANPAS que fixeron e fan posible que os valores de Juana afonden e se manteñan na nosa Comunidade Educativa e que o Colexio Lestonnac siga a ter o recoñecemento de tantas institucións. Eva Díaz-Robles Iglesias |
|
Eva Díaz-Robles Iglesias, Directora do colexio Santa Juana de Lestonnac |