Saúdo da Directora

 

É grato para min, como directora do colexio,  en nome da Comunidade Educativa, darvos a benvida á nosa páxina web e presentarvos o colexio Santa Juana de Lestonnac, un colexio aberto onde se potencia a educación en  valores, o respecto á diversidade, a inclusión e a igualdade.

Son xa máis de 40 anos  os que leva o colexio en  Caranza,  involucrado e colaborando  coas distintas  institucións do barrio . Son xa moitos os milleiros de alumnas e alumnos durante estes anos  os que pasaron polas nosas aulas e  todos aqueles que traballaron e  traballamos no colexio, puxeron e  poñemos o noso empeño  en ofrecer  un ensino de calidade que potencia as posibilidades e cualidades de cada alumno/alumna para que adquira os coñecementos necesarios en cada etapa educativa, para que logre unha relación gratificante cos demais, para que saiba superar dificultades e para que consiga seguridade e confianza en sí mesmo, sentíndose querido e apreciado.

Estamos orgullosos de levar o nome dunha muller que representa , como poucas na súa época, os valores de igualdade e  xustiza. Tamén é un orgullo ser Compañía de María, a institución educativa que Juana fundou hai máis de 400 anos. Pero non debemos esquecer que detrás dos grandes nomes están persoas sinxelas pero extraordinarias, entregadas, sensibles e esixentes. O noso colexio conta cun profesorado que acompaña e axuda, un alumnado diverso, acolledor e respetuoso  e unhas familias solidarias e participativas. Trátase dun centro dinámico e innovador, con actitude positiva que busca a colaboración das familias, coas que se establece  unha relación  de confianza, compromiso e respecto.

Quixera recoñecer o traballo de  todos e todas as que pasaron polo noso colexio: alumnado, familias, monxas, mestres e mestras, PAS  e ANPAS que fixeron e fan  posible que os valores de Juana afonden e se manteñan na nosa Comunidade Educativa e que o Colexio Lestonnac siga a ter o  recoñecemento de tantas institucións.

Eva Díaz-Robles Iglesias

Eva Díaz-Robles Iglesias, Directora do colexio Santa Juana de Lestonnac